Crónica - XV Open Hermo 2016


Outro ano máis o Open Hermo foi todo un éxito, e xa van 15 edicións! E esperemos que veñan moitas máis. Durante os 10 días que durou o torneo xuntáronse preto de 90 participantes e xogáronse máis de 100 partidos, repartidos en 6 categorías: 4 delas foron federadas, senior masculino e feminino, veteranos +45 masculino e infantil masculino; e 2 sociais, senior masculino e dobres mixtos.

En senior masculino, o gañador do torneo foi o lucense Jesús Bouza Puente, que só con 16 anos gaña o seu primeiro Open Hermo, amosando un tenis moi sólido dende o fondo de pista durante todo o torneo, e gañando a todo un 153 do ranking nacional, o leonés Sergio Gutierrez Vicente, por 6-2/6-3. Jesús foi superior en todo o partido, anque tivo que sufrir para romper o saque de Sergio ata 3 veces, e nas que Sergio tivo oportunidades para meterse no partido pero que non chegou a aproveitar.


En feminino, a gran favorita era a número 5 do ranking galego, María Berini Pita da Veiga, e finalmente gañou un partido moi nivelado, no que resolveu por un 5-7/7-6/2-2 e retirada por lesión de Noelia López García.
Mentres, na categoría de veteranos +45 masculino, Sergio Gutierrez, esta vez si, gañou a final, neste caso fronte a Eusebio Moreda por 6-1/6-0, nun partido que Sergio dominou en todo momento.
Na categoría dos máis pequenos, infantil másculino, o xogador do Clube Tenis Muimenta, Sergio Lozano Granda, non puido fronte ao xixonés Juan Vigil Banciella. Nun final moi disputada, e un gran partido de ver, con grandes puntos dende o fondo da pista onde aos dous xogadores lles corría a bola, e onde presentaron as súas candidaturas para o futuro do tenis galego e asturiano. O resultado final foi de 7-5/3-6/6-1. 

Nas categorías sociais, o campión en senior masculino foi Ángel Palmeiro que se impuxo por un resultado de 0-6/6-4/6-2 a Jacobo Viña. Un partido moi intenso e no que Ángel nunca se rendeu, e a base de loitar todos os puntos acabou gañando logo de 2 horas de partido. En dobres mixto, os campións foron a parella formada por Ángel Palmeiro e Carlos Crecente, que gañaron a final a Daniel Morán e Daniel Canto.



Dámoslle as gracias a todos os participantes e ao público que veu disfrutar do mellor tenis, por asistir ao XV Open Hermo. E sobre todo queremos darlle as gracias ao noso máximo patrocinador a DISCOTECA (H)ERMO, que dende xa hai 15 anos fai posible que cada ano se xogue este torneo. Non hai que esquecerse tamén de todos os colaboradores: Augas Aquabona, Carpintería J.D.J Paz, Deputación de Lugo, Concello de Cospeito e Abanca. 
Cabe destacar tamén os Trofeos Artesanais deseñados e creados por María Novo García que cada ano se lle entregan aos campións, e que xa forman parte da historia viva deste torneo de verán, e que cada ano que pasa sorprenden e fascinan tanto aos novos participante como á xente do clube.


Por último, recordar que o pasado 5 de Agosto, o Club Tenis Muimenta celebrou o 25 aniversario da súa creación en 1991, cando a S.D. Muimenta entrou a formar parte como clube na Federación Galega de Tenis e na Real Federación Española de Tenis.
Esta pequena celebración entre a gran familia do Tenis Muimenta non foi máis ca un anticipo do que a principios do ano 2017 se organizará para conmemorar os 25 anos do tenis en  Muimenta. 

VEMONOS !!!